sábado, 17 de noviembre de 2012

Ascendentes (02)

Árbore xenealóxica de José Ortega e Gasset
UNHA FAMILIA ACOMODADA

José Ortega e Gasset naceu en Madrid o 9 de maio de 1883, durante o período da Restauración, “en las capas superiores de la sociedad española”1. Era fillo por parte paterna de José Ortega Munilla, fillo á súa vez, de José Ortega Zapata, originario de Valladolid, casado con María del Pilar Munilla Urquiza, natural de Plasencia, Extremadura. Este seu avó, músico, xurista e xornalista, foi membro membro do partido moderado e exerceu un cargo importante na administración colonial cubana. Ocupaba un posto burocrático na Administración do Estado, como oficial da secretaría xeral do Consello Real. En 1855 foi destinado á illa de Cuba en calidade de oficial segundo da secretaría político do Goberno da illa de Cuba, desempeñando o seu labor primeiro na Habana, e despois en Cárdenas como administrador de rendas. Foi o fundador de La Gaceta Musical de Madrid e redactor de xornais como La Libertad, El Puente de Alcolea, El Eco del Progreso, El León español e El tiempo, xornal este último no que ocupou o cargo de redactor xefe. Na súa carreira administrativa, despois do retorno, os seus destinos, serían Plasencia, como promotor fiscal; Cuenca, como xefe da sección de Fomento da clase segunda; Xirona, como secretario do Goberno Civil, e Gobernador interino; Castrokeriz, Castellote e Colmenar Viejo. Retirouse a Miraflores de El Palo en Málaga, onde falece aos 79 anos de idade. Seu pai, Fernando Ortega e Montaner, era un absolutista partidario de Fernando VII.

Por parte da liña paterna dos Ortega, eran, por tanto, xornalistas, funcionarios da administración e, politicamente, de tendencia conservadora, salvo o seu pai.  

Durante a estancia caribeña de algo máis de dous anos de Ortega Zapata naceu o pai do filósofo, José Ortega Munilla (Cárdenas, Cuba 1856-Madrid 1922). Exerceu tamén como xornalista, alén de novelista, e casou con Dolores Gasset e Chinchilla (Pontevedra 1860-Puente Genil, Córdoba, 1939). Ortega Munilla iniciou os seus estudos nos Seminarios de Cuenca e Girona, que abandonou ao estalar a revolución de 1868, pasando a iniciar os de dereito. A esa altura era un mozo inquieto partidario da Revolución. Adherente á filosofía positivista e ao krausismo2, ao igual que Gasset Artime, foi redactor de La Iberia, órgao do partido de Práxedes Mateo Sagasta.

O krausismo debe o seu nome ao filósofo idealista alemán Karl Christian Friedrich Krause (1781-1832), defensor do que el chama panenteísmo, noción de carácter metafísico polo que pretendía conciliar a inmanencia e transcendencia divinas sobre o mundo. Deus non está no mundo nin fóra do mundo, senón que o contén e si e o transcende: panenteísmo, quer dicir, non « todo-deus», senón « todo-en-Deus». Como todos os seres finitos viven en Deus, deben amarse uns a outros e a todos os demais seres do universo. Deus está presente na esencia humana, especialmente na parte superior que é a razón. Os dereitos fundamentais, orixinarios e primitivos do home son a liberdade, concibida como medio para a consecución de fins humanos e non como fin en si mesma, a igualdade racional, sen privilexios de nacemento e de clase compatíbel coas diferenzas individuais, e a propiedade, fundada na natureza humana e nas súas necesidades. Oponse ao socialismo por consideralo destrutor da propia esencia humana. Defendeu a igualdade de dereitos entre o home e a muller, os dereitos dos meniños e os da natureza, a separación da Igrexa e do Estado, ou sexa, a laicidade.

O krausismo tivo grande influencia en España, onde foi introducido polo filósofo soriano Julián Sanz del Río, (1814-1869), e continuado polo seu discípulo Francisco Giner de los Ríos, (1839-1915), pedagogo, intelectual e cofundador da Institución Libre de Ensinanza, especie de Universidade privada. Os krausistas españois pretendían reformar o home de acordo con un novo ideal de humanidade e, por conseguinte, conferíanlle un grande papel á educación. A súa defensa do panenteísmo e do liberalismo progresista e laico enfrentounos coa Igrexa Católica, que incluiu o libro de Krause, Ideal de Humanidade, no Índice de Libros Prohibidos, e co seu braza político no poder, a esa altura representado polo ministro de Fomento, o integrista Manuel Orovio Echagüe, que en calidade de responsábel da Instrución Pública, nun goberno presidido por Canovas del Castillo, publica, o 26/02/1875, unha circular na que fai observar que nos estabelecementos que sostén o Goberno non deben ensinarse outras doutrinas que non sexan as do Estado, nin tolerar explicación algunha que redunde en menoscabo da persoa do Rei ou da Monarquía, e que se restabeleza a orde e a disciplina no ensino. A oposicións dos krausistas a este ataque á liberdade de cátedra, saldouse coa expulsión de Nicolás Salmerón, Giner de los Ríos,  Gumersindo Azcárate, Saínz Rueda, ... e a demisión, en sinal de solidariedade, de Castelar, Montero Ríos, Laureano Figuerola, Segismundo Moret, etc., o que dará lugar á creación da Institución Libre de Ensinanza o 16/08/1876, que vai exercer unha notábel influencia na Universidade e cultura españolas contribuíndo a mermar o monopolio da filosofía neoescolánstica imperante. Ao seu abeiro creáronse o Centro de Estudos Históricos, Residencia de Estudantes, Xunta de Ampliación de Estudos. ...

O pai de Ortega, co seu amigo Miguel Moya fundou a resvista literaria La Linterna e publicou tamén con él un periódico taurino, El Chiclanero, por ser, alén de crítico taurino, un grande afeccionado aos touros. Como literato, formou parte da xeración realista do 68 e converteuse en defensor do idealismo en literatura. Redactou unha sección, "Crónica semanal", en Los Lunes de El Imparcial e exarceu como crítico teatral e redactor de Los Debates. Con ocasión do acceso de Rafael Gasset Chinchilla ao ministerio de Fomento con Francisco Silvela, da Unión Conservadora, como presidente, o 5/03/1899, substitúeo na dirección de El Imparcial, o 19/04/1900, posto no que permanecerá até maio de 1906, en que toma o seu relevo Luís López Ballesteros. Este xornal foi o máis importante do seu tempo e del dicíase que quitaba e poñía gobernos. Desde logo, converteuse en mans do Gasset nunha maquinaria de poder e influencia ao servizo dos seus designios económico-políticos e ideolóxicos. De tendencia liberal dinástica, patrocinou a fundación da «Sociedad Editorial de España», que tamén apoiaba o seu fillo José Ortega e Gasset, na que ocupou o cargo de Vicepresidente. Esta presentábase como unha especie de sindicato empresarial de carácter apolítico, formado por tres xornais “independentes” de ámbito estatal pero na práctica foi un grupo de “presión periodística y un defensor de las tácticas políticas de Rafael Gasset e de Miguel Moya Ojanguren, primeiro presidente este último da Asociación da Prensa de Madrid”3 e fundador, director e presidente de El Liberal, e máximo accionista da Sociedad, da que era Presidente. O chamado trust constituía unha especie de monopolio xornalístico de tendencia liberal que aglutinou, alén dos tres citados, a varios xornais de provincias. Aínda que manifestaban que non pretendían monopolizar a influencia da imprensa política, non foron capaces de convencer á opinión pública, que os vía escorados cara ao partido liberal e os seus aliados. Estaba gobernado por un Comité Executivo formado por Miguel Moya, presidente, José Ortega e Munilla, Vicepresidente, José Gasset Chinchilla, Secretario, e Antonio Sacristán, Inspector Xerente. As desavinzas de José Ortega e Munilla con Rafael Gasset, que quería un xornal máis dócil ao seu proxecto político, obrígano a abandonar El Imparcial en 1910, utilizando no sucesivo como tribunas para os seus artigos o ABC e La Vanguardia. Polo apoio que lle dispensaban os seus cuñados, Eduardo e Rafael, obtivo a elección polo distrito de Padrón sen implicarse persoalmente na contenda electoral e sen molestarse en intervir practicamente nada no Congreso, o que non lle impedía de gañar nas eleccións, en varias lexislaturas, co 100 por cento dos votos emitidos4. En 1902 ingresou na Real Academia Española para ocupar a cadeira E que ostentara Campoamor.

A liña materna é máis distinguida. Na vertente militar, o seu trisavó, Manuel Gasset Rodríguez foi brigadier e marechal de campo de Estado Maior. O seu bisavó, José Gasset e Montaner, fillo de Manuel Gasset Rodríguez, naceu en Barcelona en 1800 e seguiu a carreira militar do seu pai, alcanzando a categoría de tenente en 1828. De ideoloxía carlista, a participación na rebelión de 1827 do irmán do rei, Carlos María Isidro, contra Fernando VII provocou o seu desterro a Galicia onde permanecería ligado ás familias do carlismo galego. En 1830 foi nomeado funcionario da Administración de Correos e en 1832 da Dirección Xeral de Lotarías. Casa na parroquia de Iria Flavia con Águeda Artime5 Valledor6, de acomodada familia oriunda de Avilés, Asturias, con casa soarega nesta localidade padronesa7. Acompañou, xunto coa súa filla Eugenia, a Rosalía de Castro, na súa viaxe de 1856, a Madrid, onde a xove escritora galega se encontra co seu amigo da infancia, Eduardo Gasset Artime, mozo de bo parecer e brillante traxectoria.

Árbore xenealóxica de Rosa Spottorno Topete

 O seu tío avó pola liña dos Chinclilla-Díez de Oñate, José Chinchilla e Díez de Oñate, fillo de José María Chinchilla y de Manuela Díez de Oñate e Prados, tivo unha brillante carreira militar. Foi tenente xeneral e Capitán Xeneral de Madrid e Director Xeral da Guarda Civil, ministro de guerra no goberno de Sagasta en 1888 e Gobernador de Cuba. Loitou en Cuba ás ordes do xeneral Serrano, participou na guerra americana de México, na Terceira Guerra Carlista e combateu a sublevación do Xeneral Prim. O curmán do seu avó, Eduardo Gasset Artime, Manuel Gasset Mercader, senador electo, senador vitalicio8, e capitán xeneral de Cataluña, foi premiado co marquesado de Benzú pola súa brillante traxectoria militar. Por tanto, a vea militar, que se reflite na ideoloxía do filósofo está moi presente na rama materna, e tamén na súa familia política, pois a súa muller, Rosa Spottorno Topete, era filla do Xeneral Xurídico da Armada, Juan Spottorno y Bienert, e a súa mai, Josefina Topete Cavaillón, era filla de Ramón Topete e Carballo, que chegou a ser Vicealmirante da Armada e Capitán Xeneral do Ferrol. O seu tío, Juan Bautista Topete e Carballo é coñecido como o Almirante Topete. Nomeado Capitán do porto de Cádiz, lanzou aos gaditanos a proclama que suporía o inicio da revolución “Gloriosa”, que levou ao desterro á raiña Isabel II e propiciou o comezo do sexenio revolucionario. Ocupou a carteira de Ministro de Mariña en varias ocasións, e tamén foi deputado a Cortes, Presidente do Consello de Ministros, Ministro da Guerra e Ministro de Ultramar. En 1880 foi ascendido a Vicealmirante. O pai, Juan Bta. Topete e Viaña, fillo do almirante Ramón Topete e Fuentes, tamén pai de dos mariños Francisco e José Topete e Viaña, foi Comandante dos Apostadeiros de Veracruz e da Habana, Xefe de Escuadra, Comandante Xeneral do Departamento de Cádiz e Ministro de Mariña en 1846 co marqués de Miraflores. Outro dos seus tíos, Ángel, Capitán de Navío, foi Xefe do Apostadeiro de Filipinas e Comandante Xeneral do Arsenal de Cavite. O avó destes, Ramón Topete e Fuentes, foi Xefe de Escuadra e e obtivo o grao de Tenente Xeneral. Juan Bautista Topete e Viaña, 

A faceta política dos bisavós de José Ortega e Gasset, pola rama Chinchilla-Díez de Oñate, está representada polo marbellí Juan Chinclilla Bernardí, deputado en 18439, e senador vitalicio na lexislatura 1858-1860, e polos seus tíos avós, José Chinchilla e Díaz de Oñate, senador pola Habana na lexislatura 1887-1888 e senador vitalicio na lexislatura 1993-1994; Juan Chinchilla e Díez de Oñate, avogado, deputado por Lucena10, circunscrición de Córdoba, senador vitalicio na lexislatura 1889-1890, e Auditor Xeneral do Exército, e o seu irmán, o cacique Joaquín Chinchilla e Díez de Oñate, avogado e licenciado en filosofía e letras, deputado polo fracción política demócrata por Jaen e Coin na circunscrición de Málaga, obtendo en tres lexislaturas de cinco o cen por cento dos votos11, senador por Málaga na lexislatura 1896-1898, senador vitalicio na lexislatura 1907-1908, e Intendente de Facienda en Filipinas.

O seu avó materno, Eduardo Gasset Artime, (Pontevedra 1832-Madrid, 1884)12, nunha situación de cesantía do seu pai en 1835, foi enviado para Madrid aos once anos a traballar como escribente sen soldo no Banco de San Fernando, que máis tarde mudaría polo Ministerio de Facenda. En 1854 é nomeado contador do Ministerio de Facenda en Segovia, pero retorna a Madrid en 1855, ano en que casa coa marbellí, de rica e influente familia -seu pai foi presidente do Tribunal de Contas-, Rafaela Chinchilla e Díez de Oñate13. En anos sucesivos ocuparía diversos postos na Administración do Estado en varias localidades do Estado español: Albacete, Cuenca, Burgos, Oviedo, e Murcia, en 1861 é nomeado inspector Xeral de Contribucións. Afíliase a Unión Liberal, partido fundado en 1858 por Leopoldo O'Donnell, que era un partido monárquico, centrista equidistante entre o partido progresista -defensor da milicia e soberanía nacionais, ampliación do sufraxio censitario e laicismo- e o partido moderado -defensor da soberanía compartida, sufraxio censitario, unidade católica de España. A UL, con un programa flexíbel, propugnaba un maior centralismo administrativo e un multipartidismo restrinxido. En 1858, en eleccións con sufraxio censitario, como tamén as de 1863, foi elixido como deputado pola Unión Liberal, despois dunhas eleccións moi contestadas por fraudulentas pola oposición, repetindo en varias lexislaturas pola circunscrición da Coruña, distritos de Padrón e Santiago, e pola circunscrición de Pontevedra, distritos de Pontecaldelas e Cambados14. En xeral, as eleccións nas que participaron os Gasset foron eleccións sen credibilidade democrática, con resultados á búlgara, moitas veces do cen por cento dos votos obtidos sobre o total de votantes, cando non superior a esta porcentaxe. Senador por Teruel na lexislatura de 1872-1873, renunciaría para presentarse a deputado pola circunscrición da Coruña. Na lexislatura de 1883-1884, ocupou o cargo de senador vitalicio. Abandona a Administración do Estado pola empresa privada pero coa volta da Unión Liberal ao poder, é nomeado gobernador civil de Pontevedra en 1865. Contribúe a fundar a Institución Libre de Enseñanza, chegando a formar parte, como conselleiro e con enderezo en Praza de Matute, 5, da súa primeira xunta directiva constituída o 31/05/1876 e do accionariado da entidade con dúas accións. A finais de 1855, Angel Fernández de los Ríos traspásalle El Semanario Pintoresco, converténdose en propietario e director desta publicación, até que o vendeu en xuño de 1856. En 1862 funda o semanario, logo xornal, El Eco del País, unha publicación ao servizo da Unión Liberal, partido co que concorrera ás eleccións ao Congredo de Deputados en 1858 e ao permaneceu fiel até o ano 1866, en que se afastsa de O'Donnell e se aproxima aos progresistas. Non tivo éxito con esta publicación e ao ano seguinte funda o xornal liberal e monárquico de maior tirada de España, El imparcial, que se publicará desde o 16/03/1967 até o ano1933, coa finalidade de apoiar ao xeneral Prim, tamén membro da Unión Liberal, a terminar co reinado de Isabel II. Neste xornal da familia publica José Ortega e Gasset o primeiro artigo o 14/03/1904, co título: “El poeta del misterio”. Este xornal, que chegou a tirar 130.000 exemplares diarios e que se vangloriaba de poñer e quitar gobernos, vai converterse nun instrumento de poder ao servizo da casa dos Ortega e Gasset. Naceu como un xornal monárquico antidinástico, mais adaptouse á república; opúxose nun primejro momento á Restauración, mais terminou por aceptala, cambio de liña editorial que alentou aos disidentes a fundar en 1879 El Liberal; foi defensor dun sistema democrático e dun liberalismo light, de inclinación católica e arredado dos extremismos. Funda tamén La Ilustración de Madrid, dirixida por Bécquer, que logo se convertirá na Ilustración Española y Americana. En decembro de 1868 é elixido concelleiro por Madrid e en xaneiro de 1869 deputado por Santiago. Aceptou a constitución de 1869 e apoiou a candidatura monárquica de Amadeo de Saboia, polo seu talante liberal. En 1871 é nomeado ministro de Ultramar no goberno de Manuel Ruiz Zorrilla15, do Partido Demócrata Radical, de ideoloxía liberal progresista, surxido dunha escisión pola esquerda do Partido Progresista, baixo o reinado de Amadeo de Saboia, mais tivo que demitir por oporse á abolición da escravatura en Porto Rico. A súa oposición á escaravatura é indicativo da súa escasa sensibilidade por este este tema, que compartirá tamén o seu neto, o filósofo, xustificará a escravatura poo progreso que representa como solución alternativa á morte dos cativos. A raíz do seu nomeamento renuncia á dirección do Imparcial e nomea para este posto a Mariano Araús. O 19/05/1879, cesa a Isidoro Fernández Flórez e nomea para dirixir Los Lunes de El Imparcial, ao seu futuro xenro, José Ortega Munilla, a esa altura con 22 anos, que casaría coa súa filla Dolores, muller moi abnegada e católica, en 1881. Os cesados, molestos, aproveitaron para fundar El Liberal. Como nova mostra de adaptación ás circunstancias socio-políticas, o outrora defensor da monarquía máis liberal de Europa, contemporizador coa república e accionista da Institución Libre de Enseñanza de Giner de los Ríos, acepta a Restauración borbónica, xesto que foi recompensado por Alfonso XII en 1884, co nomeamento de senador vitalicio por designación real. Á súa morte, asume a dirección do xornal o seu fillo Rafael Gasset Chinchilla, aos 18 anos de idade. Con el o xornal chega á súa cimeira, mais tamén se produce, a seguir, o seu esmorecemento, por telo convertido nun xornal partidista, que perde a súa imparcialidade.  

Certificado do asento de buatismo de Eduardo Gasset Artime
 
 O irmán de Dolores, Rafael Gasset Chinchilla, preséntase ás eleccións ao Congreso de Deputados, do 1/02/1891, nas filas do Partido Conservador, obtendo un escano pola circunscrición de Cuba e foi o primeiro ministro de agricultura de España durante seis meses en 1900, no goberno presidido por Francisco Silvela, de Unión Conservadora, e durante cinco en1903, nun goberno encabezado por Raimundo Fernández Villaverde16, do Partido Liberal Conservador. En 1905 abandona o Partido Conservador e pasa ás filas do Partido Liberal, ocupando a carteira ministerial nos gobernos liberais: de Moret (1905-1906, 1909-1910), Canalejas (1911-1912), Romanones (1913 e 1916-1917) e García Prieto (1922-1923). Cacique e deputado «cunero» pola bisbarra de Padrón, foi deputado poas circunscricións de Cuba, Pontevedra, A Coruña, Cidade Real desde 1891 a 192317. Sucedeu ao seu pai na dirección de El imparcial, que supeditou aos seus intereses politicos provocando o descrédito do xornal. e foi un dos propietarios do trust da imprensa do momento, a Sociedad Editorial de España, integrado por El imparcial, El liberal, El heraldo, comprado a Canalejas en 1906, La Semana Ilustrada e varios xornais de provincia.  

O seu fillo e curmán do filósofo, Ricardo Gasset Alzugaray, avogado e xornalista, foi deputado polo distrito de Almagro, na circunscrición de Cidade Real, polo partido liberal de Romanones; por Noia, na da Coruña, dentro do grupo liberal-agrario do seu pai, e por Lugo, xa en 193618, eleccións nas que se presenta pola Unión Republicana de Diego Martínez Barrio. Exilouse en Francia e volve a España en 1949.

O fillo varón maior de Eduardo Gasset Artime, Eduardo Gasset Chinchilla, nacido en Vigo, estivo moi ligado a Galicia. A finais do século XIX mercou o pazo das Tores Xunqueiras, no municipio da Pobra do Caramiñal. Foi deputado pola circunscrición da Coruña, distritos de Padrón, Betanzos, A Coruña e Arzúa, en varias lexislaturas, obtendo en moitas delas o cen por cento dos votos19. A partir de 1905, foi designado senador pola provincia da Coruña e en 1918, senador vitalicio20. Casou coa súa curmá, María Neira Gasset, da que tivo un fillo, Eduardo Gasset Neira, tamén deputado21. José Gasset Chinchila foi deputado por Ordes en 1903-190522. Ramón Gasset Chinchilla, deputado por Arzúa e Gaucín, Málaga23, foi director da «Escuela Superior de Artes e Industrias» de Vigo, e ao igual que Rafael, participaba do rexeneracionismo costista, que tamén compartirá o noso autor, que propugnará un rexeneracionismo pola moral científica.
Os ascendentes de Rosa Spottorno Topete tamén participaron activamente en política. O seu pai, Juan Spottorno Bienert saiu deputado nas eleccións do 5 de marzo de 1893, pola circunscrición da Coruña, distrito de Ferrol24. O seu avó paterno, Bartolomé Spottorno María, de tendencia liberal, foi deputado por Cartaxena en tres ocasións, cónsul de Prusia e axente consular de Dinamarca e Grecia. Pola parte materna, o seu tío, Juan Bautista Topete Carballo, foi deputado por Cadiz, Barcelona e Madrid25, ministro de Ultramar, Mariña e Guerra en varias ocasións durante períodos moi breves de tempo e Presidente interino do Consello de Ministros26; e o seu avó, Juan Bautista Topete e Viaña, foi deputado por Sevilla27.
Polos ascendentes, podemos ver que Ortega e Gasset, descende de burgueses acomodados, era un «fillo de papá», un «neno ben», un «pijo», como se diría en linguaxe coloquial dos nosos días, como el mesma recoñecerá en carta aos seus pais de 1905. A súa familia ocupaba postos importantes no eido militar, afministrativo e político, con enorme proxección, tanto por parte da liña dos Ortega como dos Gasset Spottorno. A ideoloxía política é de carácter, conservador principalmente pola parte dos Ortega, e liberal e máis prgresista pola liña dos Gasset e dos Spottorno, mais sempre dentro do etablissement, do sistema de poder de turno. Esta forte influencia e proxección social familiar explican que fose nomeado catedrático de metafísica aos 27 anos de idade a pesar de non ter practicamente publicado nada.
O seu fillo, José Ortega Spottorno, será nomeado senador por designación real para a lexislatura constituénte: 15/06/1977-02/01/1979. Dirixiu a Revista de Occidente, fundou Alianza Editorial e participou na fundación do xornal El País, do que foi membro do Consello de Administración de El País até o ano 1984.


1. DP, p. 81.

2. F. LALCONA, JAVIER, El idealismo político de Ortega y Gasset, p. 35.

3. LOR, p. 120.
 
4.    Eleccións          Circunscrición      Distrito             Data de alta             Data de baixa        % vot
40   27.3.1898          A Coruña             Padrón              04/04/1898             16/03/1899           74,58
41   16.4.1899          A Coruña             Padrón              01/05/1899              24/04/1901           76,56
42   16.5.1901          A Coruña             Padrón              27/05/1901              27/03/1903           78,40
43   30.4.1903          A Coruña             Padrón              03/05/1903              17/08/1905         100,00
44  10.09.1905         A Coruña             Padrón              19/09/1905              30/03/1907         100,00
45   21.4.1907          A Coruña             Padrón              29/04/1907              14/04/1910         100,00
46    8.5.1910           A Coruña             Padrón              17/05/1910              02/01/1914           96,50
 
5. Na parroquia de Iria Flavia escriben Altimes
 
6. Nos documentos de Iria Flavia sempre aparece Valledor e non Villado, como escriben algúns. A súa mai é descrita como María Manuela González Valledor, polo cal non sabemos se escriben o apelido da nai primeiro ou se apelan ao apelido polo que se coñece cando describen a filla como Artime Valledor.
 
7. Zamora Bonilla di que era unha dama fidalga de Padrón. (OEG, p. 24
 
8. Senador vitalicio na lexislaturas de 1864-1865, senador pola provincia de Lerida en 1876-1877, e senador vitalicio en 1877.

9. Elección do 15.9.1843. Deputado suplente electo con 53,55 5 dos votos.

10.      Eleccións      Circunscrición           Distrito             Data de alta        Data de baixa      % vot
34       21.8.1881      Córdoba                  Lucena             30/08/1881        31/03/1884             93,52

11.      Eleccións       Circunscrición          Distrito             Data de alta        Data de baixa       % vot
25       1.12.1865       Jaen                        Jaen                03/01/1866          30/12/1866           95,06
27       15.1.1869       Jaen                        Jaen                22/02/1870          02/01/1871           69,14
40       27.3.1898       Málaga                    Coin                 06/04/1898         16/03/1899          100,00
41       16.4.1899       Málaga                    Coin                 24/04/1899         24/04/1901          100,00
42       19.5.1901       Málaga                    Coin                 29/05/1901         27/03/1903          100,00

12. Algúns afirman que o seu lugar de nacemento non é Pontevedra senón El Paraiso, Cesures, Padrón. Esta afirmación é pouco probábel se temos en conta que o lugar de baptismo non foi a parroquia de Iria Flavia nin de Padrón, senón a de Santa María a Maior de Pontevedra. Tendo en conta que o baptismo se practicaba, a esa altura, o mesmo día do nacemento ou todo o máis ao día seguinte, sería raro, caso de nacer en Padrón, que non se baptizase nesta localidade e se desprazase con urxencia para Pontevedra con esta finalidade.

13. Outra veces, Soledad Ortega, de quen collemos esta información, dá como nome: Rafaela Chinchilla Domínguez. Cf. CJE, pp. 8 e 51.

14.      Eleccións       Circunscrición          Distrito            Data de alta        Data de baixa        % vot
22       31.10.1858     A Coruña                 Padrón            21/02/1858          22/03/1861           58,54
22       31.10.1858     A Coruña                 Padrón            27/04/1861          12/08/1863         100,00
23      10.10.1863      Pontevedra              Pontecaldelas  30/05/1864          23/06/1864         100,00
25        1.12.1865     A Coruña                 Santiago          03/01/1866          30/12/1866           99,94
27        15.1.1869     A Coruña                 Santiago          16/02/1869          02/01/1871         106,91
28          8.3.1871     A Coruña                 Padrón             22/04/1871         22/05/1871              ?
28          8.3.1871     Pontevedra              Cambados        22/04/1871         24/01/1872           66,09
30        24.8.1872     A Coruña                 Padrón             19/09/1872         22/03/1873           99,31
33        24.4.1879     A Coruña                 Padrón             02/05/1879         25/06/1871         108,35
34        21.8.1881     A Coruña                 Padrón             02/09/1881         31/03/1884           98,39

15. Do13/06/1872 [BOE 15/06/1872] a 19/12/1872 [BOE 21/12/1872]

16. Ministro de Agricultura, Industria, Comercio y Obras Públicas 18/04/1900 [BOE 19/04/1900] a 23/10/1900 [BOE 24/10/1900]. Preside Francisco Silvela; Ministro de Agricultura, Industria, Comercio y Obras Públicas 20/07/1903 [BOE 21/07/1903] a 05/12/1903 [BOE 08/12/1903]. Presidente: Raimundo Fernández Villaverde; Ministro de Fomento 01/12/1905 [BOE 03/12/1905] a 06/07/1906 [BOE 07/07/1906]. Presidente: Segismundo Moret; Ministro de Fomento 30/11/1906 [BOE 01/12/1906] a 04/12/1906 [BOE 05/12/1906]. Presidente: Moret; Ministro de Fomento 21/10/1909 [BOE 22/10/1909] a 09/02/1910 [BOE 10/02/1910]. Presidente: Moret; Ministro de Fomento 02/01/1911 [BOE 03/01/1911] a 03/04/1911 [BOE 04/04/1911]. Presdidente: José Canalejas; Ministro de Fomento 03/04/1911 [BOE
04/04/1911] a 12/03/1912 [BOE 13/03/1912]. Presidente: Canalejas; Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes Interino durante la ausencia del titular 10/09/1911 [BOE 11/09/1911] a 20/09/1911 [BOE 21/09/1911]; Ministro de Fomento 24/05/1913 [BOE 25/05/1913] a 27/10/1913 [BOE 28/10/1913]. Presidente: Álvaro de Figueroa, Marqués de Romanones; Ministro de Fomento 30/04/1916 [BOE 01/05/1916] a 19/04/1917 [BOE 20/04/1917]. Presidente: Romanones; Ministro de Fomento 07/12/1922 [BOE 08/12/1922] a 03/09/1923 [BOE 04/09/1923]. Presidente: Manuel García Prieto.

17.      Eleccións      Circunscrición         Distrito                  Data de alta        Data de baixa        % vot
37       1.2.1891        Cuba                      Santiago de Cuba  16/07/1892          05/01/1893            45,41
38       5.3.1893        Pontevedra              A Estrada              03/07/1893         01/07/1895          141,67
39       5.4.1896        A Coruña                Noia                       18/04/1896        26/02/1898          100,00
                              Cuba                                                                                                         55,91
40     27.3.1898       A Coruña                  Noia                      03/04/1898         16/03/1899          100,00
41     16.4.1899       A Coruña                  Noia                      25/04/1899         24/04/1901          100,00
42     19.5.1901       A Coruña                  Noia                      27/05/1901         27/03/1903          100,00
43     30-4.1903       A Coruña                  Noia                      09/05/1903         17/08/1905          100,00
44     10.9.1905       A Coruña                  Noia                      27/09/1905          30/03/1907           99,97
45     21.4.1907       A Coruña                  Noia                      29/04/1907          14/04/1910         100,00
46       8.5.1910       Cidade Real              Cidade real            14/05/1910          02/01/1914           65,68
           8.5.1910      A Coruña                   Noia                     18/05/1910          05/07/1910            59,83
47       8.3.1914      Cidade Real               Cidade Real           05/03/1914          16/03/1916                -
48       9.4.1916      Cidade Real               Cidade Real           02/04/1916          10/01/1918                -
49     24.2.1918      Cidade Real               Alcazar de S.Juan  04/03/1918          02/05/1919           61,35
50       1.6.1919      Cidade Real               Alcazar de S.Juan  06/06/1919          02/10/1920           56,95
           1.6.1919      A Coruña                   Padrón                  24/07/1919         13/08/1919           99,35
51    19.12.1920     Cidade Real               Alcazar de S.Juan   27/12/1920         06/04/1923           88,79
52      29.4.1923     Cidade Real               Alcazar de S.Juan   26/05/1923         15/09/1923           79,26
                             Pontevedra                 Vigo                      11/06/1923         15/09/1923            64,91

18.      Eleccións      Circunscrición           Distrito                Data de alta         Data de baixa         % vot
48       9.4.1916        Cidade Real              Almagro              15/04/1916          10/01/1918            85,58
49     24.2.1918        A Coruña                  Noia                    28/12/1918          02/05/1919               -
50       1.6.1919        A Coruña                  Noia                    10/06/1919          02/10/1920               -
51   19.12.1920        A Coruña                  Noia                     25/12/1920          06/04/1923           50,42
52     29.4.1923        A Coruña                  Noia                     26/05/1923         15/09/1923           60,68
53     16.2.1936        Lugo                              _                     26/02/1936         02/02/1939           48,66

19.      Eleccións      Circunscrición           Distrito                Data de alta         Data de baixa         % vot
38       5.3.1893       A Coruña                   Padrón               13/03/1893            01/07/1895           76,02
39       5.4.1896       A Coruña                   Padrón               25/04/1896            26/02/1898         100,00
40     27.3.1898       A Coruña                   Betanzos            05/04/1898            16/03/1899          92,23
41     16.4.1899       A Coruña                   Betanzos            24/05/1899            24/04/1901          76,35
42     19.5.1901       A Coruña                   Betanzos            31/05/1901            27/03/1903        100,00
43     30.4.1903       A Coruña                   A Coruña            15/05/1903            17/08/1905         55,10
44     10.9.1905       A Coruña                   Arzúa                 02/10/1905            25/11/1905         61,56
47       8.3.1914       A Coruña                   Padrón               31/03/1914            16/03/1916         88,90

20. Foi elixido senador pola Coruña nas lexislaturas de 1905-1907; 1907-1908; 1910-1911; 1917-1918. En 1918 foi nomeado senador vitalicio.

21.      Eleccións      Circunscrición           Distrito                Data de alta          Data de baixa      % vot
48      9.4.1916         A Coruña                  Padrón                04/04/1916          10/01/1918            -
49    24.2.1918         A Coruña                  Padrón                25/03/1918           07/11/1918         98,27

22.      Eleccións      Circunscrición           Distrito                Data de alta          Data de baixa      % vot
43      30.4.1903       A Coruña                  Ordes                  04/05/1903           17/08/1905          76,44 

23.      Eleccións      Circunscrición          Distrito                 Data de alta         Data de baixa        % vot
44       10.9.1905      A Coruña                Arzúa                    30/12/1905          30/03/1907           77,05
46         8.5.1910      Málaga                   Gaucín                  31/03/1911          02/01/1914           98,48

24.       Eleccións     Circunscrición         Distrito                 Data de alta           Data de baixa         % vot
38        5.03.1893     A Coruña                Ferrol                   14/03/1893             01/07/1895           41,13

25.      Eleccións       Circunscrición         Distrito                 Data de alta          Data de baixa        % vot
22       31.10.1858     Cádiz                      Cádiz                   10/12/1862           12/08/1863            58,01
27          5.1.1869      Barcelona               Vich                     16/02/1869            03/03/1869           39,12
27          5.1.1869      Madrid                    Madrid                  16/02/1869            02/01/1871           57,55
28          8.3.1871      Cádiz                     Cádiz                    13/04/1871            24/01/1872           97,83
29          2.4.1872      Cádiz                     Cádiz                    03/05/1872            28/06/1872           99,73

26. Ministro de Marina, Comercio y Gobernación de Ultramar 12/02/1846 [BOE 13/02/1846] a 16/03/1846 [BOE 17/03/1846]; Ministro de Marina 08/10/1868 [BOE 09/10/1868] a 22/02/1869; Ministro de Marina 25/02/1869 [BOE 27/02/1869] a 18/06/1869 [BOE 20/06/1869]; Ministro de Ultramar Interino 21/05/1869 [BOE 23/05/1869] a 18/06/1869 [BOE 20/06/1869]; Ministro de Marina 18/06/1869 [BOE 20/06/1869] a 01/11/1869 [BOE 03/11/1869]; Ministro de Ultramar Interino  18/06/1869 [BOE 20/06/1869] a 13/07/1869 [BOE 15/07/1869]; Ministro de Guerra Interino durante la ausencia del titular 25/08/1869 [BOE 26/08/1869] a 21/09/1869 [BOE 22/09/1869]; Presidente del Consejo de Ministros Interino durante la ausencia del titular 26/08/1869 [BOE 27/08/1869] a 21/09/1869 [BOE 22/09/1869]; Ministro de Marina 01/11/1869 [BOE 03/11/1869] a 06/11/1869 [BOE 09/11/1869]; Ministro de Marina 09/01/1870 [BOE 12/01/1870] a 20/03/1870 [BOE 22/03/1870]; Ministro de Guerra Interino 27/12/1870 [BOE 29/12/1870] a 04/01/1871 [BOE 05/01/1871]; Ministro de Estado 27/12/1870 [BOE 29/12/1870] a 04/01/1871 [BOE 05/01/1871]; Presidente del Consejo de Ministros Interino 27/12/1870 [BOE 29/12/1870] a 04/01/1871 [BOE 05/01/1871]; Ministro de Ultramar 21/12/1871 [BOE 22/12/1871] a 20/02/1872 [BOE 22/02/1872]; Presidente del Consejo de Ministros Interino hasta la llegada del titular 26/05/1872 [BOE 28/05/1872] a 04/06/1872 [BOE 05/06/1872]; Ministro de Marina 26/05/1872 [BOE 28/05/1872] a 13/06/1872 [BOE 15/06/1872]; Ministro de Guerra Interino hasta la llegada del titular 26/05/1872 [BOE 28/05/1872] a 04/06/1872 [BOE 05/06/1872]; Ministro de Marina
03/01/1874 [BOE 04/01/1874] a 13/05/1874 [BOE 13/05/1874] 

27.      Eleccións        Circunscrición           Distrito           Data de alta        Data de baixa       % vot
15      3.9.1844           Sevilla                           -               19/10/1844          31/10/1846          76,69

No hay comentarios:

Publicar un comentario